Identificación na sede
headerheader-400header-800
Volver

Taxas polos servizos de lixo, auga e sumidoiros

alertaTramitable todo o ano
alertaCódigo SIA:
Feito impoñible e suxeitos pasivos

Taxa polo servizo de recollida do lixo: constitúe o seu feito impoñible, a prestación do servizo de recollida do lixo domiciliario e residuos sólidos urbanos de vivendas, aloxamentos e locais ou de establecementos onde se exerzan actividades industriais, comerciais, profesionais, artísticas e de servizos, inmobles desocupados e obras.

A tal efecto, considérase lixo domiciliario e residuos sólidos urbanos os restos e desperdicios de alimentación ou detritus procedentes da limpeza normal de vivendas ou locais. Se exclúen de tal concepto os residuos de tipo industrial, entullos de obras, detritus humanos, materias e materiais contaminados, corrosivos, perigosos ou dos que a súa recollida ou vertedura esixa a adopción de especiais medidas hixiénicas, profilácticas ou de seguridade.

Non se comprenden os seguintes servizos:

  1. Recollida do lixo e residuos non cualificados de domiciliarios e urbanos de industrias, hospitais e laboratorios
  2. Recollida de escorias e cinzas de calefaccións centrais
  3. Recollida de escombros de obra

Taxa pola prestación do servizo de mantemento de sumidoiros: Constitúe o feito impoñible desta taxa:

  • a) A actividade municipal, técnica e administrativa, dirixida a verificar as condicións precisas para autorizar a conexión á rede municipal de sumidoiros.
  • b) O mantemento integral do sistema de rede de sumidoiros de augas residuais.
  • c) A prestación do servizo da rede de sumidoiros.

Taxa auga: Constitúe o feito impoñible desta taxa o subministro de auga potable polo Concello de Pontevedra para:

  1. Usos domésticos en domicilios particulares.

  2. Usos comerciais e industriais.

  3. Usos de obras.

  4. Outros municipios.

Interpretándose os usos da seguinte maneira:

  1. Usos domésticos en domicilios particulares: Enténdese por tales, todas as aplicacións que se dan ao auga para atender as necesidades da vida e hixiene privada, como son: a bebida, a preparación de alimentos e a limpeza persoal doméstica.

  2. Usos comerciais e industriais: Enténdese por tales, os subministros prestados a calquera clase de comercio ou industria, actividades profesionais e redes interiores contra incendios. As concesións para estes usos levarán comprendida implicitamente outra concesión para os domésticos propios do establecemento ou vivenda en que se exerza a industria ou comercio. O concesionario virá obrigado a independizar as instalacións, e colocar contadores independentes.

  3. Usos de obras: Enténdese por tales os subministros efectuados aos inmobles onde se realicen obras que teñan a consideración de maiores, permanecendo suxeito á tarifa sinalada en tanto non sexa obtida a correspondente licenza de primeira ocupación, apertura ou cambio de uso e sexa solicitado o referido cambio.

Regras comúns ás taxas indicadas

  1. Non estarán suxeitos á taxa os inmobles declarados ruinosos ou que teñan a condición de soar ou terreo. A estes efectos entenderase por ruinoso unicamente aquel inmoble que fose obxecto dunha declaración administrativa de ruina de acordo co disposto no Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia.

  2. Os servizos de recollida de lixo e prestación de servizos de sumidoiros están declarados de recepción obrigatoria.

    No caso das verteduras de auga residual na rede de sumidoiros da cidade, o servizo ten carácter obrigatorio e ocasionará a realización do feito impoñible da taxa, aínda cando os interesados non soliciten a prestación de tal servizo ou non procedan a efectuar a acometida, sempre que exista a posibilidade da conexión, entendendo que esta se produce cando o inmoble diste menos de 100 metros da rede.

  3. O servizo de abastecemento de auga non ten carácter obrigatorio.

  4. Os obrigados ao pago nos tres casos serán os propietarios dos correspondentes inmobles, na súa calidade de substitutos do contribuínte, e sen prexuízo da súa facultade para repercutir as correspondentes cotas tributarias nos contribuíntes, isto é, os ocupantes das vivendas que son os beneficiarios dos servizos municipais prestados.

Cota íntegra

As cotas íntegras destas taxas cuantificaranse de acordo coas regras previstas nos artigos correspondentes das seguintes ordenanzas fiscais:

  • Artigo 6 da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo da recollida de lixo

  • Artigo 6 da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo da xestión da rede de sumidoiros

  • Artigo 6 da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de abastecemento de auga


Reducións de cota aplicables

As cotas destas taxas quedarán reducidas a cero, unicamente, para os contribuíntes beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) e os acollidos a réximes protectores de carácter público análogos ao mencionado.

  • - O carácter desta redución é rogado, surtindo efecto a súa concesión no período impositivo seguinte ao da solicitude.
  • - Os interesados que desexen solicitar esta redución da cota da taxa, deberán presentar a seguinte documentación:
  • a) Solicitude de redución mediante o modelo que se facilitará por este Concello (modelo 808).
  • b) Fotocopia do NIF da persoa física solicitante, así como no seu caso, xustificante que acredite a actuación a través de representación e NIF da persoa que actúe como representante.
  • c) Fotocopia do acordo de concesión da RISGA ou réxime protector de carácter público análogo.
  • e) Fotocopia do último recibo de pago das taxas.
  • f) Identificación da referencia catastral do inmoble obxecto da prestación dos servizos (copia do recibo do imposto sobre bens inmobles,...) no que debe constar correctamente a titularidade catastral do inmoble.
  • g) No caso en que o inmoble obxecto de subministro onde resida o solicitante non sexa da súa propiedade, deberá achegar ademais:
  •  1. Fotocopia do NIF do propietario do inmoble
  •  2. Fotocopia do contrato de aluguer ou documento que acredite que o propietario do inmoble cédelle o uso do mesmo ao solicitante da redución.
  • - No caso de renovacións, cando o réxime protector ao que estea acollido o interesado se acorde por un período de tempo determinado, deberanse presentar soamente a solicitude normalizada e máis a copia do acordo de concesión da RISGA ou réxime protector de carácter público análogo.
  • - O cambio de domicilio por parte do beneficiario suporá o cese do disfrute da redución da cota tributaria con efectos no mesmo bimestre en que efectivamente se probe. No seu caso deberá facer unha nova solicitude, coa documentación completa, para o recoñecemento da mesma no novo domicilio.


Devengo e período impositivo

O período impositivo coincidirá co bimestre natural. As taxas devénganse o primeiro día do período impositivo, salvo nos casos nos que se inicie a prestación do servizo.

Establecido e en funcionamento o referido servizo, as cotas serán esixibles o primeiro día de cada bimestre natural seguinte ao do devengo. As cantidades esixibles conforme ás tarifas serán irreductibles polo período sinalado.

Xestión tributaria das taxas

Sempre que sexa posible, as taxas de lixo, sumidoiros e auga xestionaranse mediante un sistema común.

Concretamente, procederase á aprobación e cobro conxunto nun único documento de pago a nome do obrigado ao pago, polos importes que correspondan, con carácter bimestral. O dito documento de pago seralle remitido pola empresa xestora dos servizos de auga e saneamento, Viaqua SA.

Excepcionalmente no caso en que só proceda aboar cota tributaria pola taxa por recollida de lixo, o Concello poderá optar polo cobro anual dos recibos.


É obriga tributaria do suxeito pasivo comunicar a alta, baixa ou modificación nos servizos que correspondan.

Poderá facelo presentando o impreso facilitado por este Concello, producindo efectos no período impositivo seguinte. Aínda que no caso do servizo de auga requerirase a maiores a sinatura do correspondente contrato de subministro con Viaqua SA.

Toda declaración de alta deberá achegar:

  1. Identificación do substituto do contribuínte (achegando copia do NIF), e se non fora o mesmo, identificación do contribuínte (achegando copia do NIF)
  2. Copia do título de propiedade do inmoble obxecto do servizo.

Ás declaracións de modificación, de calquera tipo, deberanse achegar os documentos que a xustifiquen, entre outros, certificado da alta ou baixa no imposto de actividades económicas, licenza de primeira ocupación do inmoble,...

Nas declaracións de baixa, achegarase certificado de declaración de ruína da construción ou documentación acreditativa de que o inmoble ten a condición de solar ou terreo. Fora dos supostos sinalados, non se admitirá baixa ningunha.

Teña en conta que o substituto do contribuínte, estará obrigado a comunicar as variacións de orde físico, xurídico ou económico que se produzan nos inmobles ou actividades gravadas pola taxa. A dita declaración deberá presentarse no rexistro xeral deste Concello antes de que finalice o bimestre natural de facturación e, en todo caso, dentro dos 15 días naturais seguintes ao mesmo.

Se non o fai nestes prazos, os efectos da mesma terán lugar no período impositivo seguinte ao da presentación, sen prexuízo das sancións que se puideran impoñer.


Qué ocorre se non declara vostede voluntariamente?

Para o caso dos servizos de recepción obrigatoria, lixo e sumidoiros, a Administración municipal liquidará de oficio e incluirá no padrón a todos os suxeitos que non presentaran a correspondente declaración de alta.

Aos efectos do establecido no apartado precedente, considéranse inmobles obrigados a contribuír, sempre que incorran no feito impoñible das correspondentes taxas, os que se atopen en calquera das seguintes circunstancias:

  1. Os incluídos no padrón do Imposto sobre Bens Inmobles ou que teñan solicitado a alta no mesmo
  2. Aqueles que excederan o prazo máximo concedido pola licenza de obras para a construción dos mesmos, aínda cando non obtiveran a correspondente licenza de primeira ocupación
  3. Aqueles que conten con subministro eléctrico ou de comunicacións.

A falta de declaración de alta ou modificación no uso, nos casos de obra, determinará a liquidación de atrasos dende a data da solicitude da correspondente licenza ou dende a data de calquera acto municipal anterior á mesma que declare a existencia das referidas obras, salvo proba en contrario.

Todo isto entenderase sen prexuízo das sancións que puideran proceder.

Tipo de oficinas Oficina Enderezo Teléfonos Horario Cita previa
Tramitación Servizos de coordinación e xestión tributaria Rúa dos Ferreiros núm. 28 986804300 De luns a venres de 8:30 a 13:30 horas. Horario de verán (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e nadal (do 23 de decembro ao 6 de xaneiro) de luns a venres de 9:00 a 13:00 Ver detalle
Tramitación Tesouraría e recadación Rúa dos Ferreiros núm. 28 986804300 ext 7335 De luns a venres de 8:30 a 13:30 horas. Horario de verán (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e nadal (do 23 de decembro ao 6 de xaneiro) de luns a venres de 9:00 a 13:00 Ver detalle
Oficina Enderezo Teléfonos
Servizos de coordinación e xestión tributaria Rúa dos Ferreiros núm. 28 986804300
Tesouraría e recadación Rúa dos Ferreiros núm. 28 986804300 ext 7335
Oficina Horario
Servizos de coordinación e xestión tributaria De luns a venres de 8:30 a 13:30 horas. Horario de verán (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e nadal (do 23 de decembro ao 6 de xaneiro) de luns a venres de 9:00 a 13:00
Tesouraría e recadación De luns a venres de 8:30 a 13:30 horas. Horario de verán (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e nadal (do 23 de decembro ao 6 de xaneiro) de luns a venres de 9:00 a 13:00

Volver