headerheader-400header-800

Información tributaria relacionada con COVID-19


AVISOS IMPORTANTES EN MATERIA TRIBUTARIA LOCAL

(Actualizado a 05/05/2020)


- Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (modificado polo Real Decreto 465/2020, de 17 de marzo).

- Real decreto lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

- Real decreto lei 15/2020, de 22 de abril, de medidas urxentes complementarias para apoiar a economía e o emprego.


De acordo con esta normativa, a suspensión dos termos e a interrupción dos prazos administrativos que se establecen no Real decreto que declara o estado de alarma, non será de aplicación aos prazos tributarios, nin afectará, en particular, aos prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións tributarias, aínda que si se establecen prórrogas para determinados prazos.

Así as cousas, infórmase que os prazos vixentes neste momento para a realización dos principais trámites tributarios e recadatorios ante este Concello de Pontevedra son os seguintes:


a) Prazo para atender a :

  • requirimentos de emenda

  • trámites de audiencia

  • presentación de alegacións nos correspondentes trámites

  • solicitudes de información de transcendencia tributaria,

se o prazo concedido non estaba esgotado o 18 de marzo, este quedará automaticamente prorrogado ata o 30 de maio.

En calquera caso, tome en conta que se aínda estando neste suposto, decide vostede atender ao requirimento ou solicitude de información con transcendencia tributaria ou presentase as súas alegacións, considerarase evacuado o trámite, continuando o correspondente procedemento.


b) Pagamento de tributos:

Os prazos de pago de débedas tributarias (tanto en período voluntario como en vía executiva) que non teñan concluído o 18 de marzo de 2020, amplíanse ata o 30 de maio de 2020, salvo que o outorgado inicialmente fose máis favorable.

Os pagos poderán realizarse en calquera momento ata o 30 de maio, sen recarga ningunha, de xeito que:

  • Se decide vostede atender o pago dentro do prazo orixinal concedido, poderá utilizar a carta de pago que xa está no seu poder.

  • De exceder o prazo orixinario concedido, teña en conta que o código de barras incluído na carta de pago que ten agora no seu poder non será válido.

    Neste caso debe vostede contactar cos servizos do Órgano de tesouraría e xestión tributaria para obter unha nova carta de pago que lle permita facer o pagamento antes do 30 de maio.

Lembrámoslle que para a realización de pagos de tributos locais, non é necesario acudir presencialmente ás oficinas das entidades financeiras. Pode realizarse a través de servizos de banca electrónica ou a través da correspondente funcionalidade da app da súa entidade.

Os prazos para o pagamento en período voluntario dalgúns dos recibos sufriron variacións, para ou ben amplialos ou ben atrasarlos. Pódense consultar no seguinte enlace


c) Atención a dilixencias de embargo:

O prazo para atender a dilixencias de embargo cuxo prazo orixinario non teña concluído o 18 de marzo de 2020, amplíase ata o 30 de maio de 2020.


d) Vencementos de prazos ou fraccións dos acordos de aprazamento e fraccionamento concedidos antes do 18 de marzo:

O seguinte cargo en conta tanto de cantidades aprazadas como de fraccións - que venzan a partir do 18 de marzo -, realizarase o 30 de maio de 2020.


e) Prazo presentación declaracións/autoliquidacións: Non se aprobou prórroga ningunha no relativo a estes prazos, polo que os obrigados tributarios que se atopen neste suposto deberán cumprir cos ditos prazos sen excepción ningunha.

Na actualidade, e tendo en conta as determinacións gobernamentais en relación aos servizos de atención ao público, infórmaselle que as dependencias municipais se atopan pechadas ao público.

A documentación que os obrigados tributarios vaian presentar no Concello de Pontevedra poderá ser entregada:

a) A través do rexistro electrónico municipal tras a súa identificación mediante certificado electrónico, DNI electrónico ou clave concertada, se dispor desta última.

b) Presencialmente, nas oficinas de Correos. Sobre o horario de apertura das oficinas de Correos neste momento de excepcionalidade, deberá vostede informarse no propio Correos.


f) Prazo para presentación de recursos administrativos en materia tributaria: De acordo co disposto no Real decreto lei 11/2020, de 31 de marzo, modificado polo Real decreto lei 15/2020, de 22 de abril, o prazo de interposición de recurso de reposición contra actos tributarios empezará a contarse o 30 de maio de 2020. Isto tradúcese en:

1. Actos cuxo prazo para interpoñer o recurso non estivera rematado o día 13 de marzo de 2020. Neste caso, volve vostede a dispor do prazo dun mes a contar dende o 30 de maio de 2020.

2. Actos que se notifiquen entre o 14 de marzo e o 30 de maio de 2020. O prazo dun mes para interpoñer o recurso comezará a contarse o 30 de maio de 2020.


g) Especialidades taxas por subministro de auga e mantemento de sumidoiros: Dende o 17 de marzo, e en cumprimento das restricións de mobilidade dos traballadores, os empregados de Viaqua non se desprazarán ata os domicilios dos usuarios destes servizos para obter a lectura dos contadores de auga.

Os consumos que se facturen serán estimados, procedéndose á súa regularización nas facturacións dos seguintes períodos - por exceso ou defecto - en función das lecturas reais, unha vez se obteñan estas.


Para calquera dúbida, pode vostede porse en contacto connosco na dirección de correo electrónico xestiontributaria@pontevedra.eu ou no teléfono do Concello 986 80 43 00, extensións

  • 7362 / 7364 Xestión tributaria
  • 7374 Inspección tributaria
  • 7335 Tesouraría e recadación