Identificación na sede
headerheader-400header-800
Volver

Imposto sobre incrementos de valor de terreos de natureza urbana

alertaTramitable todo o ano
Feito impoñible e suxeitos pasivos

O Imposto sobre incrementos de valor de terreos de natureza urbana é un tributo directo que grava o incremento de valor que experimenten os ditos terreos e se poña de manifesto a consecuencia da transmisión da propiedade dos terreos por calquera título ou da constitución ou transmisión de calquera dereito real de goce, limitativo do dominio, sobre os referidos terreos.

Está suxeito o incremento de valor que experimenten os inmobles que deban ter, na data do devengo, a consideración de urbanos a efectos do IBI, con independencia de que estén ou non contemplados como tales no Catastro ou no padrón do imposto.

Sen embargo, non está suxeito:

  • O incremento de valor que experimenten os terrenos que teñan a consideración de rústicos a efectos do IBI.

  • Supostos de achegas de bens e dereitos realizadas polos cónxuxes á sociedade conxugal, adxudicacións que ao seu favor e en pago delas se verifiquen e transmisións que se fagan aos cónxuxes en pago dos seus haberes comúns.

  • Supostos de transmisións de bens inmobles entre cónxuxes ou a favor dos fillos, como consecuencia do cumprimento de sentenzas nos casos de nulidade, separación ou divorcio matrimonial, sexa cal fose o réxime económico matrimonial.

  • Operacións nas que interveña a Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria, S.A.

É suxeito pasivo do imposto a título de contribuínte:

  • a) Nas transmisións a título lucrativo: o adquirinte ou aquel a favor do que se constitúa ou transmita o dereito real de que se trate.
  • b) Nas transmisións a título oneroso: o transmitinte ou aquel que constitúa ou transmita o dereito real de que se trate.

Lembre que, como única excepción ao dito, se a transmisión onerosa a realiza unha persoa física non residente en España, a obriga de pago -como substituto do contribuínte- corresponderá ao adquirinte.


Exencións

Pode consultar a lista completa de supostos de exención do imposto no artigo 105 do Texto refundido da lei de facendas locais. Destacan entre elas:

  • a) As transmisións de bens que se atopen dentro do perímetro de aplicación do PEPRICA ou fosen declarados individualmente como de interese cultural, segundo o establecido na Lei 16/1985, do patrimonio histórico español, efectuadas por persoas físicas, cando os seus propietarios acrediten que no prazo de tres anos anteriores á transmisión efectuaron ao seu cargo nos devanditos inmobles obras de remodelación, conservación ou mellora, verificándose que:
  • As obras se realizaron de acordo coas normas reguladoras do réxime de protección desta clase de bens.

  • Que o importe da obra non foi inferior ao valor catastral total do inmoble transmitido. Para estes efectos, non se incluirán no cómputo do importe as obras de ornato e limpeza

  • Que as rendas brutas do inmoble para todos os conceptos e sen excepción, durante os tres períodos impositivos anteriores á transmisión, non excedan dunha porcentaxe, en relación ao valor catastral, igual ao xuro legal do diñeiro máis un punto no momento do devengo deste imposto.
  • b) As transmisións realizadas por persoas físicas con ocasión da dación en pago da vivenda habitual do debedor hipotecario ou garante do mesmo, para a cancelación de débedas garantidas con hipoteca que recaia sobre a mesma, contraídas con entidades de crédito ou calquera outra entidade que, de maneira profesional, realice a actividade de concesión de préstamos ou créditos hipotecarios.

Asimesmo, estarán exentas as transmisións da vivenda en que concorran os requisitos anteriores, realizadas en execucións hipotecarias xudiciais ou notariais.

En ambos casos haberá de estarse ás condicións esixidas no artigo 105 TRLFL.

  • c) O Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais, ás que pertenza o concello, así como os organismos autónomos do Estado e as entidades de dereito público de análogo carácter das comunidades autónomas e das ditas entidades locais.
  • d) O Concello de Pontevedra e demais entidades locais integradas ou nas que se integre o dito concello, así como os seus respectivas entidades de dereito público de análogo carácter aos organismos autónomos do Estado.
  • e) As institucións que teñan a calificación de benéficas ou de benéfico-docentes.
  • f) A Cruz Vermella Española.


Base impoñible

A base impoñible deste imposto está constituida polo incremento do valor dos terreos, posto de manifesto no momento do devengo e experimentado ao longo dun período máximo de 20 anos.

Para a súa determinación estarase á seguinte fórmula:

Base impoñible = Valor do terreo * Nº de anos completos dende a anterior transmisión * Porcentaxe anual

  O valor do terreo no momento do devengo resultará do establecido nas seguintes regras:

  • a)Nas transmisións de terreos, o seu valor no momento do devengo será o que teñan determinado no dito momento a efectos do IBI, isto é, o seu valor catastral. Cando o terreo, aínda sendo de natureza urbana, no momento do devengo do imposto, non teña determinado valor catastral no dito momento, poderá practicárselle a liquidación cando o referido valor catastral sexa determinado, referindo o dito valor ao momento do devengo.
  • b) Na constitución e transmisión de dereitos reais de goce limitativos do dominio, o seu valor calcularase mediante a aplicación das normas fixadas a efectos do Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.
  • c) Nos supostos de expropiacións forzosas, o valor será o xustiprezo que corresponda ao valor do terreo, salvo que o valor definido no parágrafo a) fose inferior, en cuxo caso prevalecerá este último sobre o xustiprezo.
  • d) Sobre o valor do terreo no momento do devengo, aplicarase a porcentaxe anual que lle corresponda das seguintes:
  • Período de un a cinco anos: 3,7.
  • Período de ata 10 anos: 3,3.
  • Período de ata 15 anos: 2,9.
  • Período de ata 20 anos: 2,5.
Cota íntegra

A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñble un tipo de gravame do 21 %.

Bonificacións

A única bonificación aplicable no Concello de Pontevedra é a prevista por importe do 95% da cota do imposto as transmisións da propiedade da vivenda habitual do causante realizadas a título lucrativo por causa de morte a favor dos descendentes e adoptados, os cónxuxes e os ascendentes e adoptantes.

Equipáranse aos cónxuxes as relacións análogas de afectividade acreditadas co certificado expedido ao efecto polo rexistro correspondente.

Esta bonificación será de aplicación exclusiva a aqueles adquirentes que teñan a súa residencia habitual na dita vivenda durante os dous anos anteriores á data do devengo do imposto, e cuxas unidades familiares teñan unha renda inferior a dúas veces o valor do IPREM no período impositivo inmediato anterior a esa data.

Para estes efectos, presúmese que a residencia habitual é aquela na que consten empadroados os interesados.

Esta bonificación está condicionada a que os seus beneficiarios manteñan a adquisición e a residencia habitual durante os tres anos seguintes ao momento do devengo, salvo que falecesen dentro dese prazo.

Os adquirintes deberán solicitar esta bonificación simultaneamente á declaración tributaria presentada nos prazos legalmente previstos. A solicitude realizada noutro momento considerarase extemporánea e non producirá efecto.

Devengo

Con carácter xeral, o imposto devéngase:

  • a) Cando se transmita a propiedade do terreo, sexa a título oneroso ou gratuito, entre vivos ou por causa de morte, na data da transmisión.
  • b) Cando se constitúa ou transmita calquera dereito real de goce limitativo do dominio, na data en que teña lugar a constitución ou transmisión.
Xestión tributaria do imposto

Os suxeitos pasivos estarán na obriga de presentar ante este Concello a correspondente declaración tributaria.

As declaracións presentaranse nos modelos determinados polo Concello, que conterán os elementos da relación tributaria imprescindibles para a cuantificación da débeda. Nas dependencias municipais encargadas da xestión deste imposto prestaráselles aos administrados o asesoramento necesario para cubrir adecuadamente os citados modelos.

Coa declaración xuntaranse os documentos nos que consten os actos ou contratos que orixinan a imposición.

A devandita declaración deberá ser presentada nos seguintes prazos, que se contarán desde a data na que se produza o devengo do imposto:

  • a) Cando se trate de actos "inter vivos", o prazo será de trinta días hábiles.
  • b) Cando se trate de actos por causa de morte, o prazo será de seis meses prorrogables ata un ano se o solicita o suxeito pasivo.

Se a presentación é efectuada por quen non posúa a condición de suxeito pasivo, ben sexa por mandato deste, ben para dar cumprimento ao establecido en cláusulas privadas contidas nas escrituras, só se entenderá cumprida a obriga de presentación por parte do suxeito pasivo se quen efectúa a presentación o fai na súa condición de representante deste.

Á vista da declaración presentada segundo as normas contidas nos apartados anteriores, practicarase a liquidación que será notificada ao suxeito pasivo con indicación de recursos procedentes, prazos de ingreso e forma de efectuar o ingreso.

Tipo de oficinas Oficina Enderezo Teléfonos Horario Cita previa
Tramitación Recadación voluntaria Rúa dos Ferreiros núm. 28 986804300 ext 7335 De luns a venres de 8:30 a 13:30 horas Horario de verán (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e nadal (do 22 de decembro ao 6 de xaneiro) de luns a venres de 9:00 a 13:00 Ver detalle
Tramitación Servizos de coordinación e xestión tributaria Rúa dos Ferreiros núm. 28 986804300 De luns a venres de 8:30 a 13:30 horas. Horario de verán (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e nadal (do 22 de decembro ao 6 de xaneiro) de luns a venres de 9:00 a 13:00 Ver detalle
Oficina Enderezo Teléfonos
Recadación voluntaria Rúa dos Ferreiros núm. 28 986804300 ext 7335
Servizos de coordinación e xestión tributaria Rúa dos Ferreiros núm. 28 986804300
Oficina Horario
Recadación voluntaria De luns a venres de 8:30 a 13:30 horas Horario de verán (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e nadal (do 22 de decembro ao 6 de xaneiro) de luns a venres de 9:00 a 13:00
Servizos de coordinación e xestión tributaria De luns a venres de 8:30 a 13:30 horas. Horario de verán (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e nadal (do 22 de decembro ao 6 de xaneiro) de luns a venres de 9:00 a 13:00

Volver