www.cividas.comwww.cividas.comwww.cividas.com

Retribucións dos Membros da Corporación

Retribucións

O Pleno do Concello, na sesión extraordinaria de 18.06.2015, en relación coa determinación de cargos en réxime de dedicación exclusiva, do seu réxime de dedicación efectiva e das súas retribucións, adoptou o seguinte acordo:

Establécense en réxime de dedicación exclusiva os seguintes cargos municipais:

  • Os membros do Goberno poderán desempeñar todos as súas funcións en réxime de dedicación exclusiva.
  • Os restantes Grupos Políticos poderán ter en réxime de dedicación exclusiva a 1 dos seus membros por cada 4 membros do Grupo Político ou resto de 3.
  • A suma dos dous apartados anteriores non poderá superar, en ningún caso, o máximo legal, nestes intres fixado en 15.

As cantidades determinadas conforme a este acordo son:

  • Alcalde: percibirá unha retribución bruta anual idéntica á percibida no ano 2010, no que xa se empezaron a aplicar os recortes salariais aos empregados e cargos públicos. Isto é: 63.831,12 € , distribuída en doce pagas mensuais e dúas extraordinarias (xuño e decembro), de igual contía
  • Primeira Tenente de Alcalde: Percibirá unha retribución bruta anual do 90% da retribución da Alcaldía, isto é de 57.736,42 €, distribuída en doce pagas mensuais e dúas extraordinarias (xuño e decembro), de igual contía.
  • Oito concelleiros de Goberno: percibirán unha retribución bruta anual idéntica á percibida no ano 2010, no que xa se empezaron a aplicar os recortes salariais aos empregados e cargos públicos, isto é 43.865,30 euros, distribuída en doce pagas mensuais e dúas extraordinarias, de igual contía.
  • Tres concelleiros do resto de grupos municipais con dedicación exclusiva: Percibirán unha retribución bruta anual idéntica á establecida para os concelleiros de goberno, coa mesma distribución.

As dedicacións exclusivas poderán dividirse en dedicacións parciais (cando menos do 50%, segundo prevé o Regulamento Orgánico do Pleno), de así estimarse motivadamente, e sempre cos límites sinalados.

As cantidades sinaladas polo desempeño do cargo en réxime de dedicación exclusiva completaranse coas correspondentes á antigüidade do concelleiro en cuestión, respecto ao posto de traballo que ocupaba como empregado ou funcionario, sempre en cando a entidade de orixe non se fixera cargo de tales. Isto sempre co límite establecido segundo o art. 75 bis.4 da Lei 7/1985.

Os membros da Corporación que exerzan o seu cargo en réxime de dedicación exclusiva terán unha dedicación mínima ao Concello equivalente á establecida con carácter xeral para o persoal ao servizo da Administración pública e, en concreto, para o Concello de Pontevedra. Non obstante, por razóns evidentes do exercicio do seus cargos, o cómputo desta dedicación non se suxeitará ao horario fixado para os traballadores municipais.

De acordo co art. 14.6 do Regulamento Orgánico do Pleno, a dedicación parcial por parte dos cargos que así se definan non será inferior a 20 horas á semana, correspondéndolle as retribucións proporcionais respecto das correspondentes aos cargos en réxime de dedicación exclusiva.

Os membros da Corporación que exerzan os seus cargos en réxime de dedicación exclusiva e parcial serán dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social ou réxime equivalente, asumindo a Corporación o pago dos custos empresariais que corresponda.

A percepción de retribucións polo exercicio de cargos municipais en réxime de dedicación exclusiva será incompatible con outras retribucións a cargo dos presupostos doutras administracións públicas, organismos ou entes públicos dependentes deles, así como incompatibles co exercicio doutras actividades nos termos precisados pola Lei 53/1984 e normativa aplicable.

As retribucións establecidas incrementaranse anualmente, de selo caso, na mesma porcentaxe que a aplicable aos empregados públicos municipais.

Os membros da Corporación que exerzan o cargo con dedicación exclusiva terán dereito aos mesmos permisos, licenzas e vacacións que o persoal funcionario do Concello de Pontevedra.

 
Retribucións por asistencia a órganos colexiados

Indemnización por asistencia a sesións dos órganos municipais colexiados

Os membros da Corporación, que non desempeñen o seu cargo en réxime de dedicación exclusiva ou parcial, percibirán as seguintes indemnizacións por asistencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados do Concello de Pontevedra, nas seguintes contías:

  • Por cada asistencia a sesións, ordinarias ou extraordinarias, celebradas polo Pleno da Corporación a cantidade de 275 €.
  • Por cada asistencia polos seus membros a sesións, ordinarias ou extraordinarias, celebradas pola Xunta de Goberno Local a cantidade de 125 €.
  • Por cada asistencia a sesións de Comisións Informativas, permanentes ou especiais, o Presidente a cantidade de 125 € e ós vogais, 105 €.

Establécense as seguintes indemnizacións por asistencia efectiva ás sesións dos organismos autónomos do Concello de Pontevedra, nas seguintes contías:

  • Por cada asistencia a sesións, ordinarias ou extraordinarias, celebradas polo Consello de Goberno do “Pazo de Congreso e Exposicións” a cantidade de 75 €.
  • Por cada asistencia a sesións, ordinarias ou extraordinarias, celebradas pola Xunta Rectora do Instituto Municipal de Deportes a cantidade de 75 €.
 
Retribución dos grupos municipais

Dotación económica para o funcionamento dos grupos municipais

O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria de 18.06.2015 acordou asignar aos grupos políticos municipais a seguinte dotación económica mensual, para o seu adecuado funcionamento, con cargo ao orzamento municipal:

  • Cantidade fixa mensual: 2.750 euros para cada un dos grupo políticos municipais.
  • Cantidade variable mensual en función do número de concelleiros que integran o grupo político municipal: 250 euros por cada membro do grupo.

As devanditas cantidades non poderán destinarse ao pago de remuneracións do persoal de calquera tipo ao servizo da Corporación, nin á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos de carácter patrimonial.

As dotacións económicas asignadas aboaranse na conta designada por cada grupo político municipal, grupo que deberá comunicar un código de identificación fiscal propio e levar unha contabilidade específica da dotación, que terá a disposición do Pleno da Corporación no caso de que lla requira para a súa fiscalización.