www.cividas.comwww.cividas.comwww.cividas.com

Potencialidades

Tras unha concreción inicial dos problemas e retos aos que se enfronta o municipio de Pontevedra cabe destacar as potencialidades e recursos cos que se conta e que supoñen elementos correlativos nos que se apoia “+ Modelo Urbano Pontevedra” para poder abordalos e alcanzar un desenvolvemento urbano sustentable e integrado.


Activo 1: Cidade de alta calidade urbana grazas a un modelo de transformación urbano propio, consolidado e recoñecido


Pontevedra leva aplicando dende o ano 1999 un modelo de transformación urbano que ten a súa base nos principios do desenvolvemento sustentable e integrado. Está consolidado e implementado na cidade compacta e ademais é recoñecido nacional e internacionalmente pola súa contribución á mellora da calidade urbana da cidadanía. Un modelo pensado nas persoas que fixo de Pontevedra a principal referencia urbana galega en canto a calidade urbana e que supón un punto de partida inmellorable para poder abordar os retos da Estratexia DUSI.


Activo 2: Capital da área Urbana de Pontevedra e da comarca das Rías Baixas, ben comunicada e cidade de referencia da Ruta Portuguesa do Camiño de Santiago


Pontevedra é o centro administrativo, comercial e loxístico do norte da provincia e capital do destiño turístico que conforman as Rías Baixas. Forma parte do Eixo Atlántico que vertebra a autoestrada AP 9 e que a sitúa a 25 minutos de Vigo e 35 de Santiago de Compostela. O tren de Alta Velocidade supuxo unha importante mellora da súa conectividade reducindo a apenas 20 e 30 minutos as cidades de Vigo e Santiago. Ademais, é a cidade galega de referencia da ruta portuguesa do Camiño de Santiago que realizan máis de 35.000 persoas ao ano. Esta centralidade supón un elemento tractor para o desenvolvemento do conxunto do municipio.


Activo 3: Cidadanía integrada na cultura da sustentabilidade e con alto sentido de pertenza


A aplicación dunha Estratexia DUSI necesita do apoio, implicación e colaboración da cidadanía. Pontevedra conta como activo unha poboación local integrada na cultura do desenvolvemento urbano sustentable, tras máis de 15 anos de implementación do modelo de transformación da cidade. Os resultados alcanzados han xerado un gran sentido de pertenza e orgullo local e supoñen un activo moi importante para abordar os novos retos de futuro.


Activo 4: Gran riqueza natural e potencialidade local de espazos naturais grazas á conxunción Ría - ríos - monte


Pontevedra conta con dous espazos naturais de interese local que fan destacar a gran riqueza do espazo natural que forman a ría de Pontevedra e os ríos Lérez, Gafos e Rons-Alba. As canles fluviais e as masas forestais que rodean á cidade articulan o territorio local e dan continuidade á cidade compacta histórica. Unha adecuada recuperación ambiental e valorización dos mesmos contribuirán a articular o territorio, mellorar a súa conectividade e solucionar problemas urbanos.


Activo 5: Capital humano e dinamismo demográfico local


Pontevedra presenta indicadores demográficos positivos en relación cos datos comarcais e rexionais. Ademais, o municipio conta con capital humano ben formado e un capital cultural referente que é unha oportunidade para desenvolver iniciativas empresariais que xeren correlacións có modelo urbano da cidade. A presenza da universidade, o seu atractivo turístico, a súa boa comunicación e a súa alta calidade urbana son oportunidades para o desenvolvemento dun sector económico que fomente a posta en valor de recursos endóxenos e do seu potencial turístico e cultural.